“ABUÍN&PÉREZ, AVOGADOS” naceu coa vocación de se converter nun Gabinete Xurídico de referencia no eido do asesoramente e da litigación. As súas oficinas atópanse na céntrica Praza de Ourense da Coruña, mais a vocación do Bufete ten sobardado sempre o ámbito local, proxectándose ao resto de Galicia e, posteriormente, traballando ao longo de todo o Estado, Portugal, UE e mesmo no extranxeiro. Asemade, colaboramos con gabinetes xurídicos portugueses, brasileiros, arxentinos, británicos (Escocia, Gales e Londres) e de Francia, Irlanda, Suiza e Italia.

Dende “ABUÍN&PÉREZ, AVOGADOS” tentamos atender ao noso cliente, sexa empresario ou particular, dende unha comprensión global do seu problema. Xa que logo, estamos afeitos a traballar decote con outros profesionais (economistas, contables, graduados sociais, aparelladores, arquitectos, enxeñeiros) na percura dunha solución xeral a cada problema, consulta ou xuizo.

Somos un Bufete con vocación de asesoramento e consultoría que, sen embargo mantén tamén unha fonda especialización en litigación. Na nosa dilatada existencia temos levado adiante un grande número de preitos civís, mercantís, penais, laborais e contencioso-administrativos, e coidamos que arestora somos un Despacho de referencia no que atingue a toda caste de litigación.